Entrevista | Federico Pérez Actor

“Creo que facer unha boa comedia é do máis difícil que hai”

O protagonista de +Cuñados presentou o seu novo filme, que "ten bastante d'A Esmorga", no cinema Seixo de Marín

Federico Pérez Rey no Hotel Costa Vella de Compostela

Federico Pérez Rey no Hotel Costa Vella de Compostela / Jesús Prieto

Gala Dacosta

Gala Dacosta

Recén estreada +Cuñados, onte Federico Pérez acudiu ao cinema Seixo de Marín para presentar ante o público o novo filme que protagoniza xunto con Touriñán e de Lira. Acompañado polo director Toño López, aproveitou para establecer un diálogo cos espectadores porque segundo el, é a mellor maneira de tomar o pulso dunha produción.

–Resulta raro romper a cuarta parede para dialogar co público ou está afeito?

–O noso traballo é dirixirnos ao público constantemente, entón é un pouco igual que sexa dende unha pantalla ou en carne e óso. Nunca é o mesmo, pero máis ca falar da película, porque creo que as películas falan por si soas, gústame que a xente exprese o que lle chama a atención ou pregunte dúbidas que se lles espertan para compartilas comigo, e eu así contarlles a miña versión dos feitos. O diálogo é o que máis me apaixoa destas cousas, é un cariño que fas tamén coa xente que vai verte ao cine como mostra de agradecemento.

–O gran público segue a estar nas salas de cinema e de teatro ou agora está no sofá da casa?

–Depende da franxa de idade, supoño que a xente máis nova está máis afeita a consumir cousas rapidamente e de menos dimensión. Á xente a que lle gusta ir ao cine e é realmente cinéfila, se algo lle está gustando e interesando nótase. A reacción da xente está sendo bastante boa e esperemos que non me tiren nada á cabeza.

–Tocou moitos paus distintos: teatro, televisión, cinema... síntese cómodo en todos por igual?

–O feito de facer varias cousas é o que máis contento me pon, porque esta non é unha profesión na que podas tirar moitos foguetes. É incerta.

"Hai bastante de esmorga na película"

–Que pode esperar o espectador de “+Cuñados”? Pódeselle chamar unha revisión ou versión moderna d’A Esmorga?

–Hai bastante de esmorga na película, e temos bromeado xa con iso entre os actores. Digamos que é un cruce de camiños de moitas outras pelis galegas que se fixeran antes: unha era A Esmorga, outra Encallados... A personaxe do trío, que para min máis ca trío funcionamos case como unha mesma persoa, está presente nelas tamén. Ademais, estamos poñendo o entroido como un personaxe máis, e iso ten bastantes reminiscencias esmorguianas, aínda que A Esmorga é moita obra de dios, tanto a película coma o libro.

–É importante rir?

–Hai que rir un pouco de nós mesmos, do ser humano. Creo que é o máis bonito que pode haber: rir dun mesmo e do patético que un pode chegar a ser, e seguimos un pouco nesa liña de comedia familiar na que todos xogamos o noso papel e o entroido ten un papel fundamental, un pouco máis disparatado do que a primeira parte. Seguen estando o mundo do viño, de Ourense e afiánzase o tema do polbo, hai unha serie de ingredientes que fan a película moi apetecible.

–Ten moita experiencia na comedia de enredo, son complexas de facer?

–A comedia de situación é o que máis nos seducía, non pretendiamos unha comedia de gag ou chiste. Creo que facer unha boa comedia é do máis difícil que pode haber. Esta é unha comedia ben armada, con estrutura sólida e que non trate de parvo ao espectador. Ten momentos máis disparatados, pero xa che digo que son cousas que poden chegar a pasarlle a calquera e líos nos que non é difícil chegar a meterse. Podes chegar a crer o que está pasando.

–Como foi actuar neste filme, sendo guionista como é vostede? Tivo algún cometido máis ca actuar?

–Ao final a xente que nos xuntamos no proxecto somos un pouco creadores do mesmo. Nalgún momento dáme por escribir e de feito, Cuñados naceu dunha idea de nós os tres e é un proceso moi bonito o de interpretar e traballar o personaxe pero botnado unha man na creación total da historia e do guion. É moi complicado, ademais, porque chorar faiche chorar unha cebola e rir é algo moi particular.